4.7.17

Disfunción Continua estrea "Departamento de Selección":::

Será o vindeiro domingo 9 de xullo ás 20.30h na Casa da Cultura de Antas de Ulla (Lugo) Desta volta Disfunción Continua Teatro entra de cheo na voráxine do mundo laboral. É unha obra pensada para o público adulto e na que unha serie de personaxes encaran un proceso de selección de persoal. Pero non vai ser  nada doado porque as probas de acceso ao traballo convértense nun xogo cruel e perverso, onde o cinismo, egoísmo a intolerancia e falta de empatía se van converter nas súas armas. Ao público tócalle a parte de decodificar os comportamento das personaxes, non só en canto á reflexión sobre o comportamento humano senón tamén da sociedade de mercado na que nos tocou vivir. Aínda que a dinámica xera momentos máis divertidos e cómicos, tamén ten un cariz dramático, deses que fan un nó na gorxa; a deshumanización á que nos avoca o capitalismo, convertíndonos en inimigos e duros competidores, dispostos á loita salvaxe na que o todo vale está á orde do día.
Dirixida por Jouse García conta no seu elenco coas seguintes actrices: Clara Iglesias, María Porto, Natalia Carbajal, Beatriz del Río e Rosa López. A parte técnica correspóndelle a Miguel Ares. Esta obra ten unha duración aproximada de 80 min. Polo momento, ademais da estrea, está tamén confirmada a presenza de "Departamento de Selección" no Auditorio do Conservatorio de Aguiño (Ribeira) o vindeiro 18 de novembro.


Sem comentários:

Enviar um comentário