25.10.13

Comeza o Certame de Teatro Amador da Estrada coas "Bolboretas" de Metátese Teatro:::

Hoxe comeza no Teatro Principal da Estrada o Certame de Teatro Amador co grupo Metátese de Palas de Rei coa súa peza Bolboretas. Trátase dun canto cromático ao compañeirismo, ao respecto ao diferente e á solidariedade.Unha obra rebordante de colorido protagonizada por individuos que, fartos de imposicións absurdas, principian un camiño iniciático na procura de novos horizontes. Tras partir dunha situación de insatisfación, estes novos habitantes do século XXI insírense nunha travesía de inspiración acumulativa e circular na que abordarán diferentes eixos temáticos: os conflitos interpersoais, o cambio climático, as organizacións non gubernamentais, a inmigración, o complexo despertar no universo do amor, a violencia, o consumismo, o futuro das novas xeracións.Un canto á liberdade e á liberación dos prexuízos; un divertido xogo onde a imaxinación xoga un papel chave e un alegato emotivo e reivindicativo das inquedanzas do mundo adolescente que reterá a ollada do público durante todo espectáculo.
A entrada custa 2€ e a billeteira abre unha hora antes da función. O certame continúa mañá á mesma hora con Eran outros tempos, ou non? de Disfunción Continua e remata o domingo ás 20h con Tea-Treiras de Ponteareas que representarán Mulleres.

Sem comentários:

Enviar um comentário